Somos un grupo de veciños que a escoita dos rumores xerados a raíz do que parece unha avanzada negociación da Fundación Pazo de Mos co actual grupo de goberno sobre o posible traslado das dependencias do concello ó Pazo de Mos, sentímonos na obriga de remitirvos este escrito facendo así o noso primeiro movemento:

1. Como veciños que somos desta parroquia, queremos que o concello sexa devolto ó emprazamento do que foi roubado no ano 1935.

2. Estas negociacións estanse facendo de costas ós veciños, ocultando información.

3. Creemos que este tema no que non existe consenso entre os membros das distintas xuntas directivas, se debería consultar primeiro cos veciños, xa que estes son os únicos propietarios do Pazo.

4. Non estamos dispostos a que a ubicación do Concello sexa no Pazo, polos seguintes motivos:

- O Pazo foi doado ós veciños da parroquia de Mos no 1982 “para actividades recreativas, sociais e culturais non incluíndo calquera outra finalidade”. (Certificado de Cesión Nº OK5525131) E ademais, faise constar que no caso de pasar a mans do Concello, por extinción da actual Asociación de Veciños, este estaría obrigado a destinalo ós mesmos fins.

- Dende que se nos devolveu o Pazo ós veciños no ano 2000, acordamos nas distintas asembleas, investir os recursos do monte na súa rehabilitación porque sempre se nos dixo que o seu uso sería destinalo a actividades culturais e sociais, así como para sede das distintas asociacións parroquiais coa ilusión de ter por fin un edificio digno que tódolos veciños sentísemos como a nosa segunda casa.

- Non nos gustaría que un edificio tan nobre se converta nun edificio administrativo, e que as súas históricas paredes que hoxe acollen actividades para uso e disfrute de tódolos veciños sendo así un espazo aberto, se convertan nun espazo pechado ó veciños, de frías dependencias municipais e co paso restrinxindo a grande parte do edificio.

5. Despois de todos estes anos de espera, agora que por fin está rematado e estamos empezando a disfrutar del, non queremos volver ó comezo.

E como dicíamos antes, este escrito é o primeiro movemento que tivemos a ben tomar para frear unha decisión que podería dividir a parroquia, agora que debería estar unida baixo o teito deste Pazo. Por iso pedimos que este problema remate xa. Porque queremos que Mos recupere a súa capitalidade pero non a costa do enfrontamento dos veciños.

Mos, 15 de xaneiro de 2009.